xoves, 26 de febreiro de 2009

Entroidus.




O venres celebramos o Entroido, inspirado no tema que estamos a traballar. Así, tivemos unha chea de Romanos, construtores da Torre, e tamén personaxes de gran altura, que apoian a candidatura da mesma a Matrimonio da humanidade:Pippi, Cleopatra, Mari Poppins, O Zorro, o rei Neptuno, Hércules, María Pita, J. S. Bach,Robin Hood, Gioconda, Charlot, Carapuchiña...
Disfrutamos dun estupendo paseo polo barrio, acompañados de moitos pais e avós. Á volta, tivemos a merenda, cos doces aportados polas familias e o chocolate que nos prepararon Joaquín e Isabel.

martes, 17 de febreiro de 2009

Algunhas Torres soñadas.

Atendendo á proposta do amigo Trasno Mateus, velaí algunhas torres soñadas polos rapaces de quinto e sexto.




mércores, 11 de febreiro de 2009

Libros que nos alumean.

Neste noso proxecto que chamamos Aluméame, achegámonos a moitos libros.
Libros que gardan historias cheas de lampadiñas que escorrentan medos,de luces maravillosas, de faros... mesmo das persoas cegas, que alumean a súa escuridade cos outros sentidos...Tamén libros que nos informan sobre a luz.
Temos tamén libros de historia e lendas da nosa Torre e da persoa que dá nome á nosa escola.
Aquí abaixo tedes unha pequena mostra deles.

trasno Mateus... e a Torre soñada.



Amigas e amigos:
Ben me prestou visitar estes días o cole e ver todo o que andades a trebellar coa Torre de Hércules (case me pisou Joaquín, a ver se quitas a barba para poder veres ben!!). Maravilla-me ver-vos facer tantas cousas, e descubrir sempre, en todo o que tedes arredor, algo novo que seguramente os vosos pais ou avós non sabían, de tan visto como o teñen…
Propoño-vos un xogo (a todos os que estades no cole, profes incluídos, e aos pais e avós que queiran): que vos parece se deixamos escrito como sería a torre dos vosos soños, da vosa imaxinación? Con todo o que fagades podería-se facer un pequeno mural e/ou deixá-lo tamén aquí, no blog da biblioteca. O Rato tamén gostou da idea como dun bon anaco de queixo.
E, como o burro vai diante, aquí vos deixo a Torre que imaxinei:
Está situada ben pertiño do mar, e bota luces amarelas e azuis para que quen veña do outro lado do Atlántico se oriente e poida chegar a bon porto. É toda de cristal e ten formas redondas, con pequenos buratos para entraren pombas mensaxeiras con notícias de todo o mundo. Alí vive unha trasna chamada Pitusa, con orellas redondas e ollos saltóns, e que pasa o tempo tocando nunha harpa que disque trouxo Ith, o fillo de Breogán, cando volveu desde as illas adiviñadas desde a Torre de Hércules, xunto ao seu compañeiro, o trasno Antón, moito máis seriote, cun mostacho que lle chega aos pés e voz rouca de tanto estar cerca do mar (contan que foron retratados por Luís Seoane nunha pequena esquina dun seu libro de debuxos, pero logo de falaren con el deixou unhas formas semiborradas que só se poden ver cando nos fixamos detidamente).
Disque fan unhas tortas con mil sabores, para que todos os que cheguen até a Torre teñan un bon recordo dela no corazón e na barriga, e tamén contan que os que pasan alí máis dun día son capaces de entender a língua das baleas que atravesan os seus camiños marítimos.

martes, 10 de febreiro de 2009

O venres pasado.

O venres pasado, na Hora do conto, tivemos unha sesión especial. A miña amiga Conchi (que aínda que o disimula co seu nome, procede das fragas inglesas) contounos un conto...en inglés!!
Nós comprendímolo moi ben e participamos moito. Eu, desde o meu buratiño, repetín varias veces:Oh, no! that´s dirty!.
Grazas, Conchi. Aquí che queda o trono para cando podas volver.



luns, 2 de febreiro de 2009

Mateus envíame unha mensaxe... con luz.


Que fermosos temas ides tratar estes meses! Ainda onte me contaron algo que se leva transmitindo desde hai moitísimos séculos sobre o inmenso mistério que é a vida. Aqui cho deixo para que sigamos maravillando-nos de todo o que se oculta no que nos rodea:

Vin un neno que levaba unha luz.
Preguntei-lle de onde a trouxera.
El apagou-na e dixo-me:
“Agora di-me ti para onde foi…”


Está ben claro que os maiores temos que aprender a ver as cousas con máis humildade, non é?