Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

miércoles, 10 de diciembre de 2008

martes, 2 de diciembre de 2008

Con ollos de Frida

No noso proxecto actual Enrugas e Prata, como nos anteriores, tentamos achegarnos á figura dun artista e á súa obra. Desta vez, a elexida foi Frida Kahlo.
Primeiro soubemos dela, da súa dor e enfermidade, dos seus inicios na pintura. Axudounos a coñecela un fermoso álbum ilustrado.
Despois coñecimos cinco dos seus cadros: tres autorretratos, Mis abuelos, mis padres y yo (que nos inspira para facermos nunha páxina do caderniño a nosa árbore xenealóxica) e Doña Rosita Morillo, escollido como homenaxe ás avoas.
Con este último traballamos hoxe, facendo os primeiros trazos. Agora queda seguir con el ata rematalo.

miércoles, 26 de noviembre de 2008

Mateus e máis eu polo bosque...


Amigas e amigos:
O Rato e máis eu fixemos un pequeno paseo no Bosque e encontramos, ben agachada, unha pequena casa onde se reunian avós de moitas idades e lugares, rindo e cantando nas noites de inverno. Despois de se iren ás suas casas falamos co dono daquel lugar máxico, quen nos dixo onde recollen todo o que compartiron. Aqui o tendes:
a Orella Pendella.
Pasade, divertide-vos, e chamade aos vosos avós para ver se lembran cando estiveron ali…

lunes, 24 de noviembre de 2008

Unha colaboración especial

O pasado venres tivemos unha visita moi especial: a Hora do Conto correu a cargo da asociación de maiores da Caixa. Co único pago dos nosos aplausos, contaron e cantaron para nós. Estivemos todos moi atentos e gustounos moito.
¡Que ben saben contar os avós! a todos eles... moitas grazas!

sábado, 15 de noviembre de 2008

O Rato tamén foi ao MUPEGA




Vós non me víchedes, pero eu tamén fun:
Agocheime nunha roda do autobús, comín un cachiño da tarta da avoa na viaxe, entrei tras a gravata dun avó no museo, escribín co plumín, borrei unha pizarra, senteime nunha silla da escola do ferrado, xoguei ás chapas, rodei nun aro e corrín nuha carrilana.
Pero, sobre todo, disfrutei das olladas cheas de brillo de vintecinco avós e avoas, que puxeron todo o seu empeño en lembrar e contar,e que nos regalaron un día feliz aos nenos e nenas, aos mestres... e a min.

miércoles, 12 de noviembre de 2008

Do trasno Mateus.


Amigas e amigos:
Todos, os avós, os pais e nós mesmos, escoitamos historias sobre eses seres máxicos que poboan a imaxinación de todo o mundo e serviron para darlle forma aos soños, os medos e a fantasía, expresando con eles esa fascinación por algo que existe e precisa ser expresado desde sempre.
Seguramente vos soarán os mouros ou as sereas, asi como o fermosísimo unicornio, que anda polos bosques fuxindo da vista dos seres humanos e só se deixa entrever nalgunha canción. E tamén a moi nobre condición que teño o honor de representar, ainda que outro o fixo mesmo en televisión…
Non sei se vos serán tan familiares o home do saco, a meiga dos dentes verdes, o papón ou o coco: pero estou certo de que a máis dun avó ou avoa si lles quitaron o sono varias veces… E uns cantos pais tamén terán pasado medo (ou non, quen sabe?) con estes seres ou con outros, máis averiados.
E, agora, penso eu, que vos parece se falamos todos (avós, pais ou vós mesmos) aquí dos seres máxicos, mesmo os monstros, que temos imaxinado, ou visto?
Eu, por exemplo, soño, ás veces, cunha ave que se agacha no Bosque dos trasnos, e que premia a quen é capaz de encontrala co poder de falar a lingua de todos os animais e comprenderse con eles sen o máis mínimo esforzo. Que cousas me contan os gatos (en soños, claro)!!.

viernes, 7 de noviembre de 2008

Magosto con avós.

Hoxe a choiva non nos quixo axudar co noso Magosto con Avós, pero nós non nos rendimos. Primeiro, mentres Joaquín asaba con paraugas, os nenos e nenas disfrutaron dunha preciosa peli... con avó incluido!!
Logo xogamos á roda coas avoas. Por fin poidemos saír un pouquiño, a comer as castañas fóra e ver aos avós bailar as buxainas.
MOITAS GRAZAS, AVOAS E AVÓS.

Entre os pequechos e os grandotes.

Unha vez rematado o libro que os pequechos fixeron sobre cogumelos, trouxéronolo á aula dos maiores e pediron a nosa colaboración: necesitaban un índice para o seu documento informativo. Desa parte encargáronse os rapaces de 5º/6º.



martes, 4 de noviembre de 2008

Mateus envía información.


Meus amigos:
Seguramente teredes curiosidade por saber en que andaban a enredar os vosos avós cando eran nenos. Pois ben, aquí tedes un resumo para que poidades sorprendé-los e preguntar-lles como é que pasaban o tempo e aprendían da vida.
Haberá algún avó ou avoa que nos poida falar deles? Estes xogos teñen moitos anos e algo terán que os fixese durar tanto, así que tamén se poderían practicar hoxe, verdade?
Bon, sempre podemos convencer a algún profesor ou conserxe para que nos axude…

viernes, 31 de octubre de 2008

Avós... e cabazas!


No día de hoxe, así amenceu no colexio: fermosas cabaciñas-avós que alumeaban unha escola ás escuras. Agora estou a agocharme no meu burato para escoitar o que será o conto de hoxe: unha mestura de avoa con cabaza, xa preparado no trono para ser lido. Moi propio para hoxe!


viernes, 24 de octubre de 2008

Fontes informativas de privilexio.

Os rapaces de primaria veñen traballando nestas alturas do curso co tema do corpo humano, cada grupo ao seu nivel.
Onte todos compartimos unha fonte informativa moi especial: Mª José e Mónica, fisioterapeutas que son nais de tres alumnos do colexio, prepararon unha presentación sobre o tema. Mº José explicounos con ela moitas cousas interesantes. Gustounos moitísimo.Total: unha fonte informativa de privilexio.
Moitas grazas!!



jueves, 23 de octubre de 2008

Escoita e verás.

Axiña habemos estrear unha nova sección na Biblio: a fonoteca. Nela están os CDs cheos de cancións ou música, algúns acompañados por fermosos libros coas letras ou historias que naceron ao carón das melodías.
Pero temos tamén un andel moi especial: nel están os contos para escoitar. Son aqueles contos da radio, recuperados para disfrute de todos por un dos meus amigos: un morceguiño chamado Carlos, que sabe da importancia de aprender a escoitar de cando vez, sen contar con nengún apoio visual (grazas, Carlos).
Nuns días todo este material estará á disposición de todos para o préstamo. Daquela diremos: Escoita... e verás!

martes, 21 de octubre de 2008

Traballando coa información

Nestes días vin a un grupiño dos pequenos entrar e saír da Biblio. Andaban a aprender sobre os cogumelos: buscaban libros, entraron na rede, consultaron un especial na prensa, observaron varios deles...
Agora teñen o seu cogumelario e están a facer un libro. Nel, amosan diferentes variedades cos seus nomes e advirten sobre o perigo de comer algúns deles.

Contos de avós... avós de conto.

Velaí unha mostra do que levo lido nestas noites no meu buratiño da Biblio.
Bos libros cheos de avós e para todas as idades, de pequechos a grandotes.

lunes, 13 de octubre de 2008

Aquí está o amigo Mateus


Amigas e amigos:
Ao longo dos meus anos teño escoitado muitos cantos para arrolar os nenos. Sei que moitos deles se transmiten entre xeracións diferentes da mesma família (os bisavós cantan asi aos avós, os avós fan iso cos pais, os pais cos seus fillos, e asi seguido): son unha das mellores maneiras de traspasar o tempo coa serenidade que dá a voz dos seres queridos cando se necesita.

Eu deixo-vos aqui esta que me emociona ainda hoxe. Estou seguro que todos, especialmente os avós, recordan letras ou melodias deste tipo: asi que vos propoño que deixemos neste blog as que coñezamos para alegrar-nos o corazón. Que vos parece?

viernes, 10 de octubre de 2008

Ninguén mellor que un neto...

... para atopar un agasallo perfecto.

Moitas veces a publicidade é soporte de historias cheas de beleza e sensibilidade. Como exemplo, este fermoso conto sen palabras, propio do tema que nos ocupa.

(picade na palabra máxica)

miércoles, 8 de octubre de 2008

Enrugas e Prata.

Picando nestas imaxes podedes enterarvos do tema que imos traballar neste trimestre. Hoxe, as familias reciben este folleto explicándoo.
Marta!! Ti, que no teu comentario decías que non eras quen de adiviñar polo título cal era o motivo do novo proxecto... pois aí tes a solución!

domingo, 5 de octubre de 2008

COMEZAMOS!!

O pasado venres comezamos coa andadura da Biblio neste curso.
Desde o meu buratiño contemplei con ledicia aos novos usuarios, que nese día se estrearon como tales no seu primeiro préstamo.
Tamén vin encantado como os que xa van sendo grandiños foron quen de facer o préstamo eles sós.
Despois escoitei o primeiro conto compartido do proxecto que imos levar adiante neste trimestre. Pero del... hoxe só vou escribir o título: ENRUGAS E PRATA
A quen estará dedicado??




martes, 23 de septiembre de 2008

Para as familias desde a Biblio.


Hoxe chega ás vosas casas, da man dos nenos e nenas, o boletín que vos presenta a nosa Biblio e o seu proxecto de traballo.
Neste curso, como hai cambios nel, estades a recibilo todos e non só as familias recén chegadas ao cole.
Espero que vos sirva de axuda para participar neste blog, por exemplo.
Vós xa o sabedes: a nosa Biblio... tamén é vosa! e está a piques de comezar cos súa actividade!!

martes, 16 de septiembre de 2008

ESTOU VIVIÑO!!


Estou viviño... e traballando!! Non temades por min. Axiña habedes ter noticias da miña persoa. Por agora, ando trafegando na Biblio, preparando todo para abrirvos as portas dela... Veredes cantas cousiñas novas.
Nuns días os seus fondos estarán á vosa disposición e comezaremos a traballar nela a cotío.
Ai! Tampoco vos preocupedes polo meu amigo Mateus. Atópase ben de saúde e axiña contaremos coas súas trasnadas.

Bicos ratunos e ... ata pronto!

jueves, 19 de junio de 2008

VACACIÓNS

Apreciado Rato:
Rematas este curso logo dun traballo continuado "Da Raiola ao Luar".
Menos mal que contas coa colaboración de Mateus, e "Entrambos" é máis doado tirar para adiante do labor bibliotecario.
Descansa ben neste verán, pois o próximo curso ven cheo de proxectos novos, e vas ter que traballar arreo para axudarnos a engaiolar coa biblio a todos os nenos e nenas que imos ter no cole.
Boas vacacións.
Marisol

martes, 17 de junio de 2008

Voume preparando para as vacacións.

As vacacións están ás portas. Eu voume preparando, pero non quero marchar sen deixar ben limpo o meu burato na Biblio, nin sen dar as grazas hoxe especialmente aos que participáchedes deste blog cos vosos amables comentarios. GRAZAS. Esperámosvos no vindeiro curso.
Xa vedes na foto que o meu avó está listo. Eu tamén: Levo comigo moitos recordos bonitos. Entre eles, o dos libros e pelis dos que disfrutei na Biblio neste curso que remata. Aquí debaixo dixo unha pequena mostra que vos recomendo.
¡Bo verán, cheo de sol, auguiña e fermosas historias!

Despedida do amigo Mateus... por agora!


Meus queridos amigos:
Aproveito estas liñas para comentar-vos que durante este verao vou ir, co meu colega Felipe, que botou raíces e amizades na clase de Bea, a pasarmos as vacacións con todas as criaturas do bosque.
A verdade é que rimos e aprendemos moitas cousas convosco, e quero-vos mandar un bico moi grande através deste blog, e agradecer-lle ao Rato o ter-me convidado a estar por aqui.
De todas maneiras, como ben sabedes, os trasnos movemo-nos coa velocidade das estrelas, co que estarei dando unha volta polos tellados das vosas casas, no cimo das montañas ou detrás dunha rocha nas praias polas que andaredes... e non creo que poida aguantar o facer algunha das miñas, asi que se perdedes algo ou pasan cousas raras xa sabedes quen foi...
E, por suposto, lerei todos os libros que teñades e escoitarei todas as cancións que fagades, porque non me podo resistir a disfrutar da vosa compaña e da alegria que transmitides.
Como despedida deixo-vos esta lengalenga (como lle chaman debaixo do rio Miño aos xogos de palabras). A ver que vos parece:

O tempo perguntou ao tempo
Quanto tempo o tempo tem.
O tempo respondeu ao tempo
Que o tempo tem tanto tempo
Quanto tempo o tempo tem.


Unha aperta trasneira!!!

viernes, 13 de junio de 2008

O último conto lido na Biblio

O último conto que neste curso se le na nosa Biblio é o primeiro que escoitan aquí os que serán os nosos novos alumnos.

Sede todas e todos moi BENVIDOS!