Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

sábado, 31 de marzo de 2007

Xurxo Souto na nosa Biblio



Hai unhas horas Xurxo foi o Rei das palabras no trono da nosa Biblio.
Nestes meses andamos a navegar nun tema que chamamos Son do mar e que se centra nalgúns dos que fixeron e fan do mar o seu lugar de vida: navegantes que sulcando mares atoparon terras; homes e mulleres piratas que por selo pasaron á historia; un pintor da nosa Coruña que encheu táboas, paredes e máis, cun mar soñado... e, como non!!, as nosas xentiñas de mar: pescadores, mariscadoras, mariñeiros, mulleres de Muro e posto de peixe... porque somos cascarilleiros e o mar tennos rodeados.


Xurxo lembrounos que nós vivimos nunha cidade-barco, suxeita á terra só pola Torre que nela nos espeta. Convenceunos da necesidade de levar sempre un cacho de pan cando nos achegamos á praia, por se fósemos quen de albiscar o retorno dun home mariño. Amosounos o xeito de invocar ao océano cunha soa palabra:
oooOOrrr-zan!!!... Todo iso e máis, moito máis, fixo Xurxo na nosa Biblio.
MI MADRIÑA!! Que grande es, amigo Xurxo. Vai para ti todo o noso respecto e agradecemento e... unha aperta poderosa!!!

martes, 27 de marzo de 2007

Unha benvida moi especial


A todos e todas, por suposto... pero, hoxe, en especial ás nenas e nenos desta escola, que pola mañán recibiron a sorpresa de atopar a súa Biblio colgada nun blog e amosaron a súa ilusión como cada vez que reciben un agasallo da miña parte.
Tamén unha benvida moi especial ás súas familias, membros da nosa comunidade escolar e usuarios da nosa Biblio.
Espero que este agasallo que hoxe vos fago dunha bitácora en Internet, se convirta nunha ferramenta útil para todos. Fíxena coa colaboración de Antonio, un profe amigo que traballa en Betanzos e ao que lle envío unha aperta. E, a vós, rapaces e pais, moito ánimo para construir e disfrutar este novo agasallo. RATO.

lunes, 19 de marzo de 2007

Benvidos e...de hoxe nun ano!

De hoxe nun ano esperamos estar celebrando o aniversario da inauguración do blog Pasa Páxina, que hoxe caeu na rede.
De momento convidámosvos a mirar polo buratiño da porta e coñecer algúns dos recantos da nosa Biblio e do vestíbulo da escola, que é unha prolongación da mesma.