Pasa Páxina

Biblioteca escolar José Cornide Saavedra - A Coruña

martes, 6 de marzo de 2018

VENRES EN FEMININO!!






Estou abraiado e emocionado co que acontece aquí os venres. Cóntovos os meus pensamentos:
Resulta que estamos coñecendo grandes mulleres que existiron en tempos pasados  (María Pita, María Wonenburger, Emilia Pardo Bazán...), e aquí, no cole, cada venres véñennos visítar grandes mulleres que están agora mesmo vivindo moi pertiño de nós.
Mulleres que nos cantan e nos contan, que nos fan soñar coa maxia , que descubren e estudan microbios que axudan a manter a vida no noso planeta, que nos mostran o mundo da  ximnasia e a súa beleza de movementos.
Mulleres, ao fin, que fan que o mundo de todos nós, homes e mulleres, nenas e nenos, sexa un mundo mellor, con máis cancións, maxia, ciencia, deporte...
E no que todos miremos o mundo con LENTES DE COR VIOLETA

 M.J. Pérez (cantautora)
 Ángeles Cid (microbióloga, investigadora da Universidade da Coruña)
 Fani Triana (maga)
 
 Marta Bobo (profesora do INEF e medallista olímpica en ximnasia rítmica)
 Moitísimas grazas a todas elas pola súa xenerosidade, a súa amabilidade, por contarnos a súa vida de mulleres deste tempo. Estou seguro que todos neste colexio as lembraremos con moito cariño e admiración.
E ata a proxima, que parece que aínda terei que seguir falando de máis venres en feminino. 

lunes, 5 de marzo de 2018

VISITAMOS A LITA

Hai unha semana o meu compañeiro MACario ( o rato do Museo de Arte Contemporáneo) envioume unha curiosa foto, na que aparecen os nenos de 5º e 6º do Cornide, sendo retratados por Lita Cabellut, a pintora aragonesa que expón a súa obra no museo. Seica estiveron por alí admirando os retratos que pinta Lita, e ó final pasaron polo seu obradoiro para ser inmortalizados por ela.
mirade que ben traballa esta muller.
Testimonio: Lita Cabellut


viernes, 16 de febrero de 2018

ENTROIDO 2.018

Aquí tedes as imaxes do noso entroido.
 Xa que estamos aprendendo moito das nosas mulleres importantes, podedes ver aos piratas aos que venceu MARÍA PITA, aos matemáticos en honor de MARIA WONENBURGER, a pintores aprendendo de MARUJA MALLO e personaxes do tempo e das historias de EMILIA PARDO BAZÁN.
Queremos agradecer tamén as deliciosas larpeiradas que as familias aportaron para que esta festa fose divertida e ademáis deliciosa.
Un bico con sabor a filloas.


lunes, 22 de enero de 2018

OS CONTOS NA LAREIRA

Aquí temos a sorpresa prometida .
O noso vello trono para contar contos desapareceu, e no seu lugar temos unha bonita e quentiña lareira, como  na que os nosos devanceiros pasaban as noites longas e frías entretidos con historias que se contaban uns a outros.
E, como en todas as  lareiras, hai un gato e algún que outro rato buscando a caloriña.
Para a súa inaguración viñeron Alex e Sara, da marabillosa editorial Kalandraka, e cantaron e contaron vellos e novos contos.



E aquí tedes un vídeo para disfrutar tanto coma nós.
Ata a próxima con máis novidades.

viernes, 12 de enero de 2018

ANO NOVO CHEO DE MAXIA

Este ano novo sei ben que vai estar cheo de maxia. Agárdannos moitas sorpresas na nosa biblioteca... Que será? Prométovos que axiña o saberedes.
 Para comezar, a profe Ana leunos o conto MAGO GOMA:

Este é o Mago Goma.
Un  mago moi singular.
Un mago que garda soños,
nunha caixa de cristal.

E despois descubrimos que no colexio temos un mago pequeno. Mellor dito:  Un  MATEMAGO.
Diego, de 2º curso, é un fenómeno facendo maxia coas matemáticas, e foi quen de sumar ringleiras de números moito máis rápido que os rapaces de 5º e 6º coas calculadoras.
Tamén é verdade que contou coa colaboración imprescindible de Sheila, que lle fixo de axudante. 
 



Nenos, profes e ata eu Rato, quedamos impresionados e esperamos escoitar moitos máis contos máxicos, e moitos nenos e nenas ensinándonos MATEMÁXICAS.
Ata a próxima.

viernes, 15 de diciembre de 2017

RECOMENDACIÓNS DOS RATOS DAS BIBLIOTECAS

Xa sabedes que os ratos somos moi amigos das bibliotecas.
 A verdade é que en cada biblioteca vive un rato, o que pasa é que somos moi tímidos e non queremos que nos vexan.
O outro día estiven de visita na biblioteca RATICONTO, do colexio de Coirón, que é onde vive un dos meus curmáns, e regaloume unha chea de recomendacións de libros e lecturas para estas vacacións que estan a chegar.
Así que BBOAS VACACIÓNS CHEAS DE PAZ E LIBROS!!
Moitos bicos.


lunes, 6 de noviembre de 2017

COLEXIO MONSTRUOSO (Samaín no Cornide)


 QUEN TEN CU, TEN MEDO!!! 

 Todos temos algún medo. Eu téñolle pánico aos gatos, os gatos aos cans, os cans aos lobos e así sucesivamente.
Tamén hai que teme ás arañas, os fantasmas, ao seu profesor, aos hospitais, aos políticos, aos banqueiros...
Pero eu creo que a quen hai que terlle realmente medo é aos protagonistas deste vídeo, que nos mostran a súa verdadeira cara, xa que so no Samaín os vemos como realmente son.
Graciñas a Jose por retratalos e desenmascaralos.
Picade no vídeo e preparadevos para pasar un rato terrorificamente divertido.
Ata a próxima amiguiños.